O accidente ferroviario de Torre del Bierzo tivo lugar o 3 de xaneiro de 1944 en Torre del Bierzo (provincia de León) ao chocaren dentro do túnel número 20 da liña Palencia-A Coruña un tren correo, unha locomotora en manobras e un tren de mercadorías. O número oficial de vítimas mortais foi de 78 segundo a autoridade xudicial, pero sempre se sospeitou que o Réxime franquista puido ocultar a magnitude real do accidente.[1][2] Documentos posteriores elevaron a cifra a 200 falecidos[2], pero hai indicios e estudos que dan un saldo de ata 500 ou 800 mortos.[2]
O franquismo rapidamente censurou a dimensión desta catástrofe, dado que o pésimo estado das infraestruturas ferroviarias e a constante falta de mantemento eran en boa medida as responsables do accidente, debido a que se tivo que responder a escasezas de todo tipo e a necesidade da reconstrución dos danos producidos pola recente guerra civil, unha tarefa difícil pola presente escaseza de recursos económicos.[3] Varias décadas despois, o accidente daría título a unha curtametraxe (Túnel número 20) dirixido por Ramón de Fontecha, que obtivo o Premio Goya á mellor curtametraxe documental en 2002.